Saturday 27 de April de 2024

O concello avanza no proceso de contratación do proxecto de mellora do sendeiro de Saldoiro


O orzamento ascende a 88.500 e será cofinanciado por Turismo de Galicia..

A Mesa de Contratación reuniuse hoxe para valorar e clasificar as nove ofertas presentadas polas empresas licitadoras que aspiran á adxudicación do contrato de execución do proxecto de mellora dos elementos de protección dun sector do paseo marítimo de Caión. A obra afectará ao tramo do Sendeiro de Saldoiro que comunica a praza Eduardo Vila Fano co acceso principal á praia das Salseiras.

O proxecto pretende a posta en valor da fachada marítima da vila cunha intervención que procura o múltiplo obxectivo de mellorar a accesibilidade e a seguridade e, ao mesmo tempo, embelecer e revitalizar o espazo como destino turístico.

Entre as actuacións a levar a cabo destaca a renovación da varanda de madeira no citado tramo, incluíndo as escaleiras intermedias de baixada aos areais do Caracoleiro e das Salseiras. Farase con material e deseño sostibles, empregando na construción madeira autóctona, esteticamente axeitada e adaptada á contorna. O proxecto culminarase coa mellora da sinalización e a instalación de novo mobiliario urbano.

Nos próximos días a Xunta de Goberno Local adxudicará a execución das obras á empresa que presentou a oferta máis favorable para o Concello. A intervención está valorada en 88.500 euros e será cofinanciada pola axencia Turismo de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas para actuacións de embelecemento do litoral galego no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation.